Sobre min

Calquera cousa que puidese dicir sobre min carecería de importancia ou, cando menos, de interese algún. O motivo deste blog non é ningún tipo de promoción nin autoedición senón que, máis ben, quere ser un xeito de exteriorizar as ideas que roldan a miña mente de cando en vez. Como a devandita non ten un esquema ou patrón de funcionamento, non haberá ningún tipo de periodicidade ou afán enfermizo de actualización do contido. É dicir, non vou pasar sen durmir ou deixar de facer cousas de proveito para escribir catro letras aquí e que non as lea ninguén.

Posto o punto de partida para este o meu curruncho, simplemente desexarvos que, se por erro ou despiste caedes neste escuro lugar, o pasedes ben coas historias aquí recopiladas.

Os dous parágrafos anteriores foron escritos hai moitos anos. De feito, foron escritos cando tiña o meu espazo en Blogaliza (de cando aínda existía Blogaliza) e non levaba publicado máis có primeiro volume de 'As Crónicas de Bran'. No momento en que leas isto, xa pasaron moitas máis cousas. Non é que me convertese nun fenómeno de masas nin que sexa un escritor 'mainstream' (nin sequera son un escritor). Non, mais as novelas chegaron a seis e, para o vindeiro ano, chegarán a sete.

Dito isto, grazas por seguir visitando este lugar que non visita case ninguén. Como vedes o nivel de optimismo medra ao mesmo ritmo cá miña melena. En todo caso, séntete coma na túa casa (ou mellor).

Penso que, de novo, esta sección precisaba de ser actualizada. O tempo, compañeiro inexorable das nosas vidas, foi pasando e derrubou cidades mentres construía outras. A miña prepotencia de pensar que podería escribir historias e crear mundos mudou por unha discreta e case muda continuidade do xa escrito e o traballo na sombra para axudar a publicar cousas que pagan a pena e polas que case ninguén arrisca. Estamos na fase de sacar fotos e querer mudar o perfil creador por consumidor. Non vos podo poñer moito máis porque nin eu mesmo sei como rematará esta nova etapa do medio século de vida...

Comentarios