xoves, 21 de abril de 2016

E naceu 'Negruña'

Pois si, paso de novo por esta miña bitácora particular para deixar constancia do nacemento dunha nova novela. Desta vez, a pequena Negruña, foi (falo dela en pasado porque rematei de escribila a finais do 2014) a obra coa que pasei máis tempo documentándome e estudando. Desde os derradeiros días de vida de Rasputín e a súa relación coa tsarina até a expedición ao Tíbet financiada pola Sociedade Thule, pasando polos tempos no que o Castelo de Santo Antón funcionaba como lazareto e viaxando á India da Compañía Británica. Talvez pareza imposíbel mais esa trama 'histórica' únese coa vida nunha cidade en decadencia, no século XXIV, despois dun cataclismo natural e cun sistema de control social que fai uso do exterminio dos cidadáns como algo case normal.

Máis unha vez, un gran equipo detrás da forma física desta publicación. A xente de Urco que fixo unha maquetación e unha impresión de luxo, Segismundo Rey que encheu de arte as páxinas coas súas marabillosas ilustracións e José María Picón aos mandos da súa cámara para crear a cara visíbel de Negruña, esa capa que será a primeira toma de contacto dos posíbeis lectores.

Ben, comezamos un novo proxecto. Moverémonos por librarías e feiras para falarlle ao mundo da nosa pequena. Polo menos durante este ano ou, polo menos, até que saia a nova novela do 2017. Vémonos entre os libros...