Rematada a escrita de 'Os soños da Deusa Nai e do Deus Tolo'

Alá polo 1998 remataba de escribir unha novela chamada 'O neno que lía os soños'. Non era moita cousa mais quedei tan contento dela que me animei a escribir a súa continuación. Comecei a segunda parte, 'Nash o Tolo', no 2000 e deixeina tirada até o 2010.
Aparecían nese texto personaxes que recuperaría máis tarde para As Crónicas de Bran. Obvio polo título da segunda parte, o bo de Nash xa facía os seus cameos por esas páxinas (aínda que era unha deidade sen control e non un mineiro bastardo que aspiraba a algo máis). Tamén un neno que lía os soños chamado O'Jill (mestura dun papel e dun nome das Crónicas) exercía de protagonista nunha historia que, no seu fondo, tiña moito que ver coas aventuras de Bran mais que, dalgún xeito, eran moito máis máxicas e místicas que o que se contaba na triloxía.
A finais de Agosto de 2015 activei as alarmas do meu grupo de lectores secreto no Facebook e convoqueinos para formar parte do novo proxecto. O asunto era retomar ese texto, escrito por partes e ao longo de máis de vinte anos para lle dar forma e xeito. Medio ano despois o traballo está feito. Perdeu algo de inocencia e 'chispa' mais ganou o que debía ganar e, así, non lle deberá nada a ninguén. É unha novela completa e compacta, sólida na súa trama e profunda na súa mensaxe. Voan polas súas páxinas seres máxicos e luminosos, e axexa debaixo de cada frase o reverso máis escuro da humanidade. Talvez non saia nunca do meu Dropbox mais, agora si, é unha novela que deixo feita e escrita. Unha débeda que tiña que pagar con KaljSha e co furioso e caótico Goarr. Hoxe xa poden durmir en paz.

Comentarios