xoves, 22 de xaneiro de 2015

Hostal Norte na Radio Galega

Foi esta unha semana chea de sorpresas. Por unha banda, rematabamos de coñecer que As Crónicas de Bran volvía aparecer entre os mellores libros do 2014 de LIX, no apartado de Mellor Portada e no de Mellor Libro, na enquisa organizada pola web Fervenzas Literarias; por outra banda, Hostal Norte continuou co apoio da crítica, por parte de Ramón Nicolás, e estaba entre as recomendacións literarias do número de Xaneiro-Febreiro da revista de Biblos Clube de Lectores. Non quedou aí a cousa e, despois da tentativa frustrada de facer unha entrevista coa TVG (principalmente por problemas de encaixar axendas por mor dos meus horarios de traballo), recibín unha chamada da Radio Galega para que Hostal Norte formase parte do apartado de narrativa do programa Diario Cultural. A nosa aportación consistiu na lectura de cinco páxinas da novela que se emitiron de Luns a Mércores en pequenos fragmentos de un minuto e, ademais, unha entrevista na que contei (o mellor que souben) de que trataba esta historia de terror psicolóxico e respondín ás preguntas que Xiana Arias tivo a ben a me facer. A gravación fíxose ás 12:00 do Martes e, malia que preparei unhas respostas 'tipo', a conversa transcorreu dun xeito natural e nada forzado. Falei do que era o Hostal, como construín os personaxes que comparten as súas vidas e cuartos con Brais dentro de ese edificio inquedante e o sentido das dúas liñas narrativas principais, a historia 'real' de Brais na súa estancia no hostal e os pesadelos dos capítulos oníricos. Case ao final da entrevista collín velocidade e lanceime a spoilear un chisco o significado do capítulo catro, o das ratas e a crisálide. Afortunadamente, ese fragmento quedou fóra da gravación final e os ouvintes non tiveron que escoitar os meus desvaríos sobre ratas copulando e libráronse de coñecer detalles que é mellor que descubran por si mesmos coa lectura da novela.
Para que quede constancia do meu paso polo programa, aquí van as ligazóns aos 'podcasts' de cada un dos días, coa referencia ao minuto:segundo no que aparece a lectura e máis a entrevista.


venres, 16 de xaneiro de 2015

Fervenzas Literarias: o mellor do 2014

Como cada ano, a web 'Fervenzas literarias' lanzou a súa enquisa para escoller aos mellores da literatura galega. Desde editoriais e críticos, até cada un dos diferentes xéneros, todos tiveron o seu recoñecemento nestas votacións. O ano pasado acadáramos, co primeiro volume das Crónicas de Bran, a segunda posición como mellor portada LIX (Literatura Infantil-Xuvenil) e a sétima posición como mellor novela LIX. Este ano, a portada do segundo volume, A porta de Annwn, chegou á terceira posición e a novela quedou en sexto lugar. Non podo explicar o 'subidón' que isto significa. Contamos historias nun xénero, a fantasía épica (máis ben un subxénero), minoritario e só loitamos coas nosas forzas e a nosa ilusión e estar no grupo de mellores obras publicadas durante o pasado ano é un premio que nos fai pensar e crer que o que facemos, e todo canto sacrificamos para facelo, paga a pena. Só podemos dicir unha cousa, grazas, grazas de corazón.


mércores, 14 de xaneiro de 2015

Entrevista na web 'Vivir na Coruña'

Hoxe fago unha curta entrada nesta a miña bitácora. Ás 20:00 horas teremos unha cita no 'Linda Rama', un novo café-libraría d'A Coruña, para falar de Hostal Norte e pasar un bo rato coa xente que até aló se queira achegar a escoitar as nosas historias. Por outra banda, quero deixar a ligazón a unha entrevista que tivo lugar esta semana e que foi a primeira 'in person' na que participei. Foi realizada pola xente de 'Vivir na Coruña', unha web local especializada na cultura que latexa nesta cidade, e que quero compartir con vós.