Concerto histórico, 'Rianxo na Belle Epoque'

Hai cousa de un par de meses, José Luis do Pico Orjais propúxome un proxecto ben fermoso. Este home da Arousa, residente en Rianxo e mestre e responsable da biblioteca do CEIP Brea Segade da miña aldea, Taragoña, converteuse desde hai un tempo nun compañeiro de colaboracións artísticas moi querido pola miña parte. Grazas a el, As Crónicas de Bran acharon un oco na biblioteca e na vida cultural de Taragoña e Rianxo e, desde logo, non hai cousa que máis guste que ser coñecido no teu berce por esta tolería de escribir historias na que, de cando en vez, me deixo engaiolar.
O primeiro contacto foi por medio dunha mensaxe de Facebook na que me comentaba algo sobre unha investigación que estaban a levar a cabo para recuperar certos fondos musicais. Aproveitando que non iamos tardar en facer unha visita á vila, quedamos para tomar un café (el, eu tomei unha birra) no Memphis e falar do tema. Tal e como me adiantara, o asunto era que acharan unha partitura do que viña a ser unha valsa de principios do século XX (en plena Belle Epoque rianxeira) e estaban a lle facer uns arranxos para interpretala con guitarra e flauta. A proposta non podía ser máis interesante, escribir un texto para ler no concerto histórico coa melodía soando de fondo.
Nun primeiro momento pensei en algo similar á letra dunha canción mais para ser interpretada a xeito de narrativa e, certamente, esa foi a idea que rematou por se facer realidade.

Hoxe atopei (nesta rede de redes) o cartaz do evento e quería compartirlo con todos vós (eses seres estraños que vos deixades caer por aquí). Deixovos, tamén, o video que gravaron nas rúas de Rianxo e no que se pode escoitar a fermosa peza que leva como título o nome da vila e que tentarei non estragar demasiado co meu texto (xa volo subirei ao blogue despois do concerto).


Comentarios