sábado, 29 de novembro de 2014

Primeira presentación de 'Hostal Norte'

Onte, Venres 28, tivemos a primeira presentación oficial da novela curta de terror 'Hostal Norte'. Fixémola na Libraría Suévia, o noso maior aliado na promoción dos meus libros n'A Coruña.
Contei co apoio de David Cortizo (á esquerda da foto), amigo e editor de Urco, e coa compañía de José María Picón (á miña dereita), outro bo amigo e responsable do traballo gráfico que aparece no libro.
Desta volta David puxo en práctica o modelo de presentacións 'entrevistadas' e foi introducindo varias quendas de preguntas e respostas (tanto a min como a Picón) que fixeron máis dinámica e animada a presentación. Falamos de nós, do que nos inspirou a escribir e a debuxar para o noso hostal e do que nos gusta máis como lectores e autores. Ao remate do evento, a gratificante tarefa de asinar exemplares e a retirada para cear en boa compañía unha considerable cantidade de chicharróns, xamón, queixo e callos.
Dentro dunha semana, a segunda presentación no Culturgal.

Edito: grazas ao meu 'compadre' Miguel, contamos cun fragmento de vídeo onde nos podedes ver falando sobre os tramos de idade para a literatura xuvenil, a comprensión lectora e as diferentes percepcións de 'gore' e violencia dos textos de fantasía épica e os de terror ambientados na realidade.


xoves, 20 de novembro de 2014

Abrimos as portas do noso 'hostal'

Pois xa comeza o que tanto agardaba. O libro xa saíu do prelo e vai camiño á distribuidora que, en breve, fará que chegue ás librarías. Arrancamos tamén coas presentacións e a primeira delas será en 8 días, na Libraría Suévia d'A Coruña. Unha semana despois andaremos polo Culturgal (aproveitaremos tamén para promocionar o segundo volume d'As Crónicas de Bran) e faremos unha presentación o Domingo 7 a primeira hora da tarde (aínda por confirmar).

Así que xa hai un novo fillo na familia, un parto imprevisto pero moi desexado, a medio camiño entre o volume dous e o volume final da triloxía que sairá no primeiro trimestre do 2015. Non sabemos até onde nos levará esta nova viaxe pero no horizonte xa temos pendentes un par de paradas, unha para achegar a novela á miña terra e falar dela na Biblioteca de Rianxo e a outra para facer unha visita ao local cultural da nosa amiga Isabel Risco, 'Maquinaria Pesada'.

Para que saibades (só un chisco) de que vai esta novela curta de terror e misterio, aquí deixo a sinopse da contracapa.

"Unha fuxida, ás veces, non é máis que unha carreira frenética que tenta afastarnos de nós mesmos. Sabemos do que queremos escapar mais, case nunca, estamos seguros de até onde nos levará.
Brais marcha da casa dos seus pais e chega ao Hostal Norte, onde o agarda un amigo que prometeu axudalo a comezar unha nova vida. Porén, á súa chegada ao hostal, as cousas torceranse e nada sairá como el esperaba, nada é o que parece ser.
Seis cuartos, seis vidas completamente diferentes que conforman, ao seu xeito, un universo único que, aos poucos, irase apoderando da cordura de Brais. Seis hóspedes que tecerán a arañeira dos recordos que tentou deixar atrás, agochados no fondo da súa mente e que, de deixalos saír, conducirano ao máis horríbel dos destinos"

mércores, 12 de novembro de 2014

Un Novembro frenético

Este mes está a ser un tempo de creacións encontradas. Por unha banda, a vindeira semana xa vai saír do prelo 'Hostal N\orte' e temos dúas presentacións á vista, a finais de mes na Libraría Suévia n'A Coruña e a primeiros de Decembro andaremos polo Culturgal, para tentar achegar o escuro ambiente dos seus cuartos aos posibles lectores. Coincidindo con este desexado acontecemento, din por rematada a revisión de 'Negruña', finalizando o meu proxecto máis ambicioso até a data (tamén o de maior extensión) e coa posibilidade no horizonte de que sexa publicada aló polo 2016 (ás veces dá medo pensar canto tempo pasa desde que se remata de escribir unha historia e esta ve a luz). Por se isto non fose dabondo, estamos mergullados no deseño gráfico (capa e ilustracións interiores con José María Picón e José Ángel Ares respectivamente) do que será o último volume d'As Crónicas de Bran e que significará a fin desa aventura de fantasía que principiei nunha afastada primavera de 2012. E, como sempre hai un oco para algo máis, a idea básica dunha nova novela agroma no meu maxín, enchéndoo de historias, personaxes e dramas, todo mesturado nun escenario imposible e horrible. Oxalá todos os meses fosen así...

sábado, 1 de novembro de 2014

Samaín 2014

Esta era a pinta que tiña eu ao chegar.


Un ano máis, e xa comeza a ser tradición, tiven a sorte de poder escribir e ler un relato de terror para un serán de Samaín, na festa organizada pola Plataforma para a Defensa da Ría de Betanzos e Sada no Sada Coffee 7. Desta volta participei xunto con Xosé Iglesias, un mariñeiro-poeta ou un poeta-mariñeiro que nos achegou a emoción e o sentimento do mar e co que coincidíramos hai máis de un ano n'Á lus do Cándil en Arteixo. Aló nos agardaban Isabel Risco e Vanesa Santiago que xa estaban organizando o proxector, o son, as rifas dunha cesta de magosto e todo o necesario para que a noite fose máis do que prometía. E o certo é que o evento non defraudou en absoluto. Tivemos bastantes asistentes malia ter que competir co Depor que acabou perdendo 1 a 2...




Comezou Xosé Iglesias amosándonos na pantalla xigante os videos e as fotos que saca cando vai ao mar. Falounos das súas vivencias como pescador e dos catro anos que pasou no Gran Sol, contándonos de primeira man como é o día a día en alta mar e compartindo con nós algunhas das súas poesías do seu libro 'Transfusión Oceánica'.




Tras o recital poético, tocoume a min e, despois da presentación de Isabel, subín á mesa. Tivemos un pequeno problema coas páxinas do meu relato mais, grazas a que Vanesa contaba cunha copia numerada, logramos vencer o desafío de atoparlle xeito ás miñas follas e comezamos coa lectura. Foi curta e intensa, con Vanesa a cargo dos efectos de son (a complicada tarefa de interpretar os pasos da araña xigante e o seu 'ris, ras' rubindo pola saba do leito) e Isabel interpretando o papel de Maruxa, a muller do atormentado protagonista do conto.
Despois de martirizar á audiencia do garito coas miñas palabras distorsionadas polo achegamento do micro á boca, como se pode observar na imaxe, Fernando Morán dispúxose a preparar unha fantástica queimada, aderezada con café e limón, na mesma mesa na que sentabamos minutos antes.


Á vez que prendía o máxico lume do alcol, Isabel fixo aparición, percorrendo o Sada Coffee 7 de cabo a rabo e levando a todos os asistentes desde as mesas e a barra até o caldeiro ardente ao berro de 'Lume!"

Como podedes ver, un Samaín como debe ser. Nada de tradicións de 'All hallows Eve' nin de parafernalias yankies. Un bo serán magosteiro en compaña de amigos como Tomás Rivera de KindleGarten que se deixou caer por aló.