xoves, 30 de outubro de 2014

Serán-Magosto-Samaín 2014

Mañá, Venres 31 de Outubro, lerei un relato curto de terror na festa de Samaín organizada pola Plataforma en Defensa da Ría de Betanzos e Sada. Comezaremos ás 20:30, aínda que na promo estea convocado para ás 20:00. O primeiro en intervir será Xosé Iglesias, un mariñeiro que fai arte de cada unha das súas saídas ao mar. Eu irei en segundo lugar e, ademais de falar sobre calquera cousa que se me pase pola cabeza, farei a lectura do meu relato no que contarei coa participación de Isabel Risco para interpretar a última frase da miña terrorífica historia. Por último, contamos con que a propia Isabel nos faga pasar un moi bo rato con algunha das súas interpretacións teatrais. Despois das nosas actuacións, a festa continuará até que aguantemos...

Mañá, no Sada Coffee 7.

luns, 20 de outubro de 2014

Nos manuscritos de 'Caderno da Crítica'

Hoxe é un día moi especial. Despois de case dous anos de traballo neste mundo da escrita, teño o pracer de aparecer nun dos mellores blogues de crítica literaria. Ben é certo que xa me adicaran un espazo en 'Kindlegarten' e en 'Los relatos de Patri' onde contei cunhas fantásticas reseñas dos dous primeiros volumes d'As Crónicas e até tiven unha completa entrevista elaborada por Patricia Mariño e algúns reporteiros "espontáneos" que me formularon as máis variadas, interesantes e simpáticas preguntas mais, debo recoñecer, aparecer nun dos blogues que repasa a actualidade diaria da literatura galega actual é algo polo que devecía desde hai tempo. No 2013 xa fixera unha pequena e esporádica aparición na sección que Ramón Nicolás elabora, xunto con un grupo de librarías, para informar dos libros máis vendidos e aí upárase 'A revolta dos mestres' desde o quinto posta até acadar a primeira posición. Desta volta, Ramón deume a oportunidade de amosar as anotacións e esquemas que vou escribindo no meu pequeno bloc e que me axudan a preparar o traballo previo á escrita. Neste artigo poderedes atopar pequenos resumes, debuxos e diagramas de fluxo que definen a liña argumental dos capítulos que, posteriormente, transcribo no portátil.

Ligazón a 'Caderno da Crítica':

luns, 13 de outubro de 2014

Preparando a inauguración do noso hostal

Ben, pois xa estamos a rematar o traballo previo á publicación da novela. Temos o texto revisado, as ilustracións interiores feitas e xa está o artistazo gráfico a preparar a montaxe fotográfica para a cuberta. Se todo vai como debe, para primeiros do vindeiro mes xa estará saíndo do prelo. Unha vez que a teñamos en soporte físico, daráselle vía libre para que chegue ás librarías e faremos dúas presentacións: a finais de Novembro na Libraría Suévia d'A Coruña e a primeira fin de semana de Decembro no Culturgal. Como sempre, a impaciencia dun pai fai que o tempo pase moi lento e non me dea chegado o día... Mentres tanto, aquí deixo unha páxina das notas que fun tomando antes de comezar a escribila. O esquema das plantas do hostal e os seus inquilinos. Xa queda pouco para a inauguración do Hostal N\orte.